miércoles, 22 de diciembre de 2010

ARTIGO SOBRE A POLÍTICA DE MEDIO RURAL

Novo artigo da responsábel local de Forcarei, sobre a política da consellaría de medio rural do PP editado no TERRA E TEMPO DIXITAL (http://www.terraetempo.com )

A Consellaría do Medio Rural: deixar pasar, deixar facer

ANABEL GULÍAS TORREIRO

A política de medio rural do PP está a chegar até límites insospeitados, non lle abonda con machacar as "estruturas intervencionistas" creadas nas anteriores lexislaturas, senón que opta pola pasividade no goberno como ferramenta para conseguir o seu obxectivo final: que o medio rural galego fique estancado para deleite das grandes multinacionais que esquilman e aproveitan a potencialidade do noso sector primario.

Non é complicado buscar feitos que retraten a política do PP en relación ao desenvolvemento rural e agrario deste país. Todo responde a súa lóxica de marxinar o agro e ao sector en xeral enterrando os intereses do país na residualidade a cambio de seu servilismo ás grandes firmas e ao Estado.

1. Os GDR´s: PASIVIDADE

No caso que máis coñezo no LEADER a parálise é tal que a día de hoxe seguimos sen ter un manual de procedemento nin programa informático que permita xestionar con maior axilidade as axudas. A subdirectora de AGADER, anunciou que por problemas orzamentarios alleos a súa vontade non íamos a contar cos fondos da anualidade de 2009, a súa falta de acción de goberno obrígalles a mentir xa que o único problema reside en pór a parte proporcional dos fondos propios da Xunta (21 de cada 100 euros) para cofinanciar os fondos FEADER e do Estado que están en reserva de crédito na contabilidade da Xunta.

2. O LIGAL: MANIPULACIÓN

O LIGAL é o laboratorio interprofesional galego de análise do leite, entidade que se encarga entre outras cuestións, do pagamento por calidade e control leiteiro, análise do leite e derivados... que deixa fóra da súa directiva a Leite Río ou Feiraco. Ou dito doutra xeito move ficha para seguir afortalando a súa política.

3. AS SOFOR: ESPECULACIÓN

Despois de moito tempo de parálise da consellaría, decide pór en marcha as SOFOR, unha nova figura societaria, que convertería as antigas UXFOR en sociedades limitadas, o que implicaría o aumento das obrigas tributarias, por non falar da obrigatoriedade da disposición de capital inicial necesario para a súa posta en marcha. Tamén permitirían a entrada de capital alleo nas entidades abríndolle a porta á posibilidade de especulación dos nosos montes.

4. PCA LEITEIRA: DE NOVO PASIVIDADE

A posición da consellaría ao respecto dos contratos homologados segue sendo a mesma: a pasividade, deixando as empresas que tomen a iniciativa en vez de intentar arbitrar e controlar a evolución dos prezos. O que fai a consellaría: eliminar a comisión de seguimento.

Dicía Dye, que "as políticas públicas son todo o que un goberno fai pero tamén todo o que non fai". Esta frase retrata á consellaría e obriga a considerar a pasividade como unha estratexia contra a que reaccionar. Neste caso é moito máis difícil facelo porque nós (como militancia) debemos ter argumentos e alternativas para combater este modelo de xestión, e implicarnos persoalmente no debate social destas cuestións.

A consellaría actúa segundo a premisa neoliberal do "laissez faire, laissez passer". Establece as canles para a desregularización e non intervén en determinados problemas que afectan aos intereses do sector. Acreditan na identificación do interese individual co social, xa que, segundo a lóxica liberal todo individuo busca lograr o maior rendemento e produtividade que logo, xa repercutirá na sociedade dalgún xeito. Ou buscando o símil e seguindo co exemplo do monte poderíamos dicir: que o monte é privado, e nós non nos queremos meter porque "supoñemos" que os individuos farán o mellor para eles e isto será o mellor para todos. Polo que se plantan eucaliptos para ter máis rendibilidade a curto prazo a costa dos nosos recursos, será positivo, non? (sobre todo para as pasteiras)

Quen hoxe afirma que os debates sobre a vixencia deste sistema económico están fóra de lugar ou que somentes afectan a cuestións empresariais ou industriais, é contestado pola propia realidade que lle debe obrigar a mirar de fronte a tomar partido para defender outro xeito de xestión.

Quen a ataca os posicionamentos ideolóxicos firmes como ferramenta de acción social e alternativa ao sistema, cualificándoos como rancios, ou doutra época é incapaz de facer unha análise clara do que acontece.

Quen di que esta consellaría non ten un posicionamento ideolóxico e que non debemos empregar certos termos nos debates, definitivamente está equivocado.

Por todo é necesario que nós artellemos e nos impliquemos nunha contestación sólida baseada no principios ideolóxicos que garantan o equilibrio social.
Para ler máis artigos publicados no terra e tempo dixital: http://www.terraetempo.org/perfil_colaborador.php?colaborador=139