miércoles, 22 de diciembre de 2010

O BNG DE FORCAREI NO PARLAMENTO ESIXINDO A RETIRADA DA LEI DE AUGAS.


Unha delegación do BNG, encabezada polo portavoz nacional, Guillerme Vázquez, entregou esta mañá no rexistro do Parlamento de Galiza preto de 14.000 sinaturas en demanda da derrogación da Lei de Augas.

O portavoz nacional estivo acompañado pola secretaria de Organización, Montse Prado, a portavoz parlamentar de Medio Ambiente, Isabel Sánchez; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Rubén Cela, candidato á alcaldía de Santiago; Adolfo Muíños, concelleiro do BNG e candidato á alcaldía de Rianxo; Matías da Torre, portavoz municipal de Silleda; Anabel Gulías, candidata á alcaldía de Forcarei; Raquel López Doce, portavoz municipal e tenenta de alcalde da Estrada; Secundino García, alcalde de San Sadurniño; Francisco da Silva, candidato á alcaldía das Pontes; Gonzalo Castro, portavoz municipal e candidato á alcaldía de Ordes; Xosé María Pérez, portavoz municipal de Frades; Fernando Herrero, portavoz en Soutomaior; Xoán Blanco, portavoz en Vila de Cruces, e Martiño Noriega, alcalde de Teo.
Na rolda de prensa posterior á entrega de sinaturas, Guillerme instou ao goberno da Xunta a “retirar a lei para que non quede dúbida ningunha”, logo de que o conselleiro Agustín Hernández asegurase que mentres el estivese no cargo non se ía facer efectivo o cobro do canon.
A única consecuencia da lei será que o prezo da factura aumentará de xeito considerábel para os consumidoresClamor social.

O líder nacionalista afirmou que “non ten sentido que o PP aprobe unha lei e logo fagan afirmacións do tenor de que mentres eu sexa conselleiro non se aplicará. Por que alcaldes do PP sacan bandos ou notas de prensa dicindo que están contra a lei de Augas? Como se pode estar en contra de algo que agora o PP di que non existe na realidade?”
“Existe un clamor social contra a Lei de Augas. Hai unha forma moi sinxela de resolver as inquedanzas da xente. Simplesmente o goberno ten que suprimir o canon. Con suprimilo, arreglan”, enfatizou.
Tal e como indicou o líder do BNG, “o que sucede é que o PP balbucea excusas de mal pagador porque acusa o golpe da campaña informativa que o BNG está a desenvolver por todos os concellos do país, con máis de duascentas charlas até este momento”.
“Nós seguiremos explicando o que supón esta lei”, continuou Guillerme, “e o PP ten unha ocasión de ouro de suprimir este canon inxusto” e indicou que “se trata dunha lei cun afán fondamente recadatorio que non pretende racionalizar o consumo nin ten en conta que o subministro público non existe en moitas zonas do país e a lei grava pozos privados e traídas veciñais”.

O BNG presentará no Parlamento iniciativas para derrogar a leiGuillerme lembrou que a única consecuencia evidente da lei será que “o prezo da factura aumentará de xeito considerábel para os consumidores e, pola contra, os grandes consumidores quedan como estaban”, tal e como apuntou o portavoz nacional, “a Xunta pretende cobrar pola auga dos pozos”.

O BNG de Forcarei , comezou o pasado inverno unha campaña informativa da lei que tivo varios actos en Meavía, Forcarei, Soutelo e Dúas Igrexas.

A intención do BNG é seguir informando aos veciños do concello e seguirá programando este tipo de actos.